[19/12/2008] A guía, que se distribuiu gratuitamente o domingo 21 co xornal Galicia-Hoxe, xa se pode descargar desde esta páxina web. Para iso, preme no banner que tes á dereita da páxina
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2008.- A presidenta do Consello da Xuventude de Galicia (CXG), María Dolores Rodríguez Amoroso, presentou hoxe a guía O noso Nadal, galego e verde.
Esta guía, elaborada dende o Servizo de Normalización Lingüística e a Área de Medio Ambiente do CXG, ten como obxectivo principal promover entre toda a poboación, especialmente entre os mozos e mozas, un Nadal en galego e un Nadal verde, para o que se facilitan alternativas e ideas para celebrar estas festas recuperando tradicións propias, respectando o medio e sendo orixinais.
María Dolores Rodríguez sinalou no acto de presentación, que tivo lugar no Club Internacional de Prensa, que a guía se distribuirá gratuitamente o vindeiro domingo 21 de decembro xunto co xornal Galicia-Hoxe. A maiores, a partir do vindeiro luns, poderanse descargar desde esta páxina web postais animadas desta campaña, O noso Nadal, galego e verde.
A continuación, explicou que a guía se divide en dúas partes: a guía de galego e a guía verde.
"A guía de galego ofrece información para vivir un Nadal integramente en galego e recuperar tradicións que se están a perder ou son descoñecidas entre a poboación xuvenil, como poden ser os cantares de Nadal ou algunhas receitas típicas galegas propias desta época. Por outra banda, tamén se dan algunhas suxestións para agasallar literatura, música ou novas tecnoloxías en galego", sinalou.
"Polo que respecta á guía verde, facilítanse consellos para que a celebración destas festas sexan máis ecolóxicas e respectuosas co medio, cos animais e coas plantas, deste xeito a nosa pegada ecolóxica será menor. As propostas refírense aos diferentes aspectos do Nadal: a decoración das casas, a iluminación e acondicionamento, a compra dos alimentos, os agasallos e, finalmente, os residuos. Neste sentido, ofrécense receitas verdes e ideas sobre regalos alternativos, ecolóxicos e solidarios", engadiu Rodríguez Amoroso.
Finalmente, a presidenta do CXG quixo agradecerlles a implicación a todas as persoas que participaron na elaboración desta guía; aos creadores de contos de Nadal que se recollen na guía (Anxos Sumai, Francisco Castro, Santiago Jaureguizar, Tamara Canosa, Victoria Rozados, Fina Casalderrey, Miguel Vila); ás entidades colaboradoras (Secretaría Xeral de Política Lingüística, Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, o xornal Galicia–Hoxe e Libraría Couceiro) e a Juan Jesús Sánchez, deseñador da guía.
« Noticias