[26/01/2010] A Asemblea Xeral do CXG súmase ao rexeitamento unánime expresado polas universidades galegas, a Real Academia da Lingua Galega, as centrais sindicais, os movementos de renovación pedagóxica, as ANPAS, as asociacións estudantís e xuvenís, as organizacións políticas e colectivos sociais de todo tipo contra o rascuño de decretazo contra a lingua galega presentado polo Consello da Xunta con nocturnidade e aleivosía na véspera de Noiteboa de 2009.
Esiximos o retorno aos consensos sociais e lingüísticos acadados co Plan xeral de normalización lingüística e o Decreto 124/2007. É evidente que, a día de hoxe, a lingua galega se atopa nunha situación de desigualdade social e xurídica, cun descenso de falantes alarmante entre as xeracións máis novas e mesmo cunha porcentaxe moi elevada de rapazas e rapaces analfabetos funcionais na nosa lingua.
Entendemos que a Xunta, como institución encargada da protección e promoción da lingua galega non pode lexislar en contra da lingua propia de Galiza cun decreto que reduce o número de horas impartidas en galego e que atenta contra dereitos tan elementais como son a aprendizaxe e adquisición de competencias lingüísticas ao remate da etapa educativa na lingua propia por parte das mozas e mozos.
As urnas non son un cheque en branco para lexislar en contra de dereitos básicos recollidos no Estatuto, na Lei de normalización e na Carta de linguas rexionais e minoritarias que o Estado español asinou.
O CXG entende, como institución encargada de velar polos dereitos da mocidade galega e como institución galega preocupada pola situación da nosa lingua, que o bosquexo de decreto presentado pola Xunta non supón máis que un retroceso no proceso de normalización do galego. O CXG súmase ás demandas expresadas polo pobo galego a través da plataforma Queremos Galego, que o pasado xoves ateigou exemplarmente as rúas de Compostela, para a súa retirada.
« Noticias