Español | Contacta con CXG | Mapa web | Portada

Consello da Xuventude de Galicia


[ Saltar menú ]

Comisións


Noticia

Área de Emprego do CXG

I Feira do Emprego de Santiago de Compostela

[11/07/2010] O 7 e o 8 de outubro terá lugar a I Feira do Emprego de Santiago de Compostela no CERSIA, o Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa, situado en San Lázaro

O 7 e o 8 de outubro terá lugar a I Feira do Emprego de Santiago de Compostela no CERSIA, o Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa, situado en San Lázaro. A súa finalidade é servir de punto de encontro entre as empresas ofertantes de emprego e as persoas demandantes de postos de traballo. Preténdese así posibilitar un intercambio de información, contribuír a un mellor coñecemento do mercado laboral por parte de todos os axentes implicados e, en definitiva, facilitar os procesos de inserción laboral. Para a consecución destes obxectivos:

· Facilitarase o contacto entre empregadores/as e demandantes de emprego.
· Transmitirase información sobre os perfís e competencias profesionais con máis demanda no mercado.
· Proporcionarase asesoramento sobre os procesos de busca de emprego.
· Difundiranse ofertas de emprego.
· Facilitaranse os procesos de selección con base nun traballo previo de intermediación laboral.
· Informarase sobre as axudas á contratación, especialmente daqueles colectivos con maiores dificultades de inserción.
· Crearanse liñas de actuación conxuntas entre empresas e entidades comprometidas co fomento do emprego.

Enmarcada no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela (PALE), a I Feira do Emprego está organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e conta coa colaboración das entidades que integran o PALE. A feira está dirixida a persoas desempregadas ou que procuren unha mellora do emprego, residentes en Santiago de Compostela, e a empresas que precisen incorporar persoal. As persoas e entidades interesadas en participar, poden informarse e inscribirse no espazo web da feira www.feiradoempregosantiago.org, á que se accede a través de www.maiscompostela.org. A participación é gratuíta.

Área de demandantes
As persoas desempregadas ou que busquen mellorar as súas expectativas laborais poden inscribirse na I Feira do Emprego cubrindo o formulario que atoparán en www.feiradoempregosantiago.org, no apartado Área de demandantes. Pídense datos como nome e apelidos, teléfono, correo electrónico, situación laboral, ocupacións nas que lle gustaría traballar e currículo.
Estes datos serán filtrados e cotexados coas demandas das empresas (sempre seguindo a normativa vixente de confidencialidade) por persoal do Servizo de Intermediación Laboral, pertencente á organización, que seleccionará as ofertas de emprego que máis se adecúen ao perfil da/o solicitante. Nas dúas semanas previas á I Feira de Emprego, a organización porase en contacto coas persoas interesadas para indicarlles a data e hora da/s entrevista/s concertada/s coas empresas ofertantes.

Área de empresas
O obxectivo da I Feira de Emprego é facilitarlle ás empresas candidatos e candidatas axeitadas aos perfís que demandan. A participación é gratuíta e garante a comodidade, axilidade e eficacia dos procesos de selección. Durante a feira, a empresa ou entidade terá á súa disposición:

· Stand amoblado no que expor información como actividades, programas de emprego e prácticas.
· Espazo acondicionado para a realización de entrevistas individuais cos/coas candidatos/as preseleccionados/as.
· Presentación e publicidade da empresa nas xornadas, na páxina web da I Feira do Emprego e en todos os documentos promocionais.
· Secretaría técnica da organización da feira que se encargará da loxística, asesoramento e atención á empresa.
· Servizo de intermediación laboral que realizará a preselección de candidatos/as atendendo aos perfís e competencias profesionais que requira a empresa.

As empresas interesadas en participar, poden inscribirse cubrindo o formulario que atoparán en www.feiradoempregosantiago.org, no apartado Área de empresas. Pídense datos como nome da empresa ou entidade, nome e apelidos da persoa encargada da tramitación, cargo, teléfono, correo electrónico e postos solicitados. Unha vez enviado o formulario, a organización contactará coa empresa para concretar os detalles do proceso.

Actividades
A I Feira do Emprego contará cunha zona de empresas, na que se colocarán os stands das empresas participantes; unha zona para as presentacións das súas actividades ou produtos; e unha zona para conferencias, mesas redondas e obradoiros, na que está previsto abordar aspectos como as novas tecnoloxías e as redes sociais na busca de emprego, competencias clave para o desenvolvemento profesional, a responsabilidade social empresarial, sectores estratéxicos a nivel local para o fomento do emprego etc. Ademais, durante a feira, a cidadanía e as empresas poderán coñecer o Servizo de Intermediación Laboral e o Servizo de Orientación Laboral que dende hai tempo ofrece a Concellaría de Promoción Económica e Emprego.

Máis noticias

« Noticias


Ligazóns


Utilidades